Rubén Amigo Bellas, apicultor de Narón: «O máis importante dunha colmea é ter unha boa raíña»
- Mel do Sor
- 11 oct 2024
- 2 Min. de lectura

Compaxina as abellas co traballo no sector do metal, man a man coa súa muller, Ángeles Morán García
11 oct 2023. Actualizado a las 17:09 h.
De cativo, a Rubén Amigo Bellas (Narón, 33 anos) gustáballe ir cun pratiño de mel ata as colmeas de seu avó, en Mañón, para darlles de comer ás abellas. «Despois saía picado», lembra. Aos 19 anos empezou a traballar no sector do metal, e máis adiante entroulle a curiosidade polas colmeas e comprou unha «moderna» en Vilalba. Ao quedar no paro aproveitou para formarse, primeiro con Rafael Díaz Nieto, delegado da Asociación Galega de Apicultura(AGA) en Ferrolterra, e despois con outros profesionais recoñecidos do sector. E foi sumando colmeas, ata chegar a 150. Agora anda polas 95, todas nas fincas familiares, en Mañón, aínda que el e a súa muller, Ángeles Morán García, que tamén está moi implicada nesta actividade, viven en Pedroso (Narón).
Mel do Sor
A súa marca é Mel do Sor e o seu mel monofloral de queiroga logrou o primeiro premio Mel Cinco Estrelas que outorga AGA. Este venres (17.00 horas), Rubén, que compaxina a apicultura co metal, aínda que lle encantaría dedicarse en exclusiva ás abellas, fará unha demostración práctica de cría de raíñas mediante o método Doolittle, por iniciativa de AGA Ferrolterra, en colmeas de Narón e de San Sadurniño. Hai que anotarse no correo dagaferrol@hotmail.com, e ser socio ou veciño de Narón. Quedarán ás 16.45 na rotonda de Sedes.
—Que é o método «Doolittle»?
—É unha práctica de translarve que consiste no transvase de larvas de menos dun día, desde que nacen, a unhas cúpulas que simulan as celdas reais. É un dos métodos máis utilizados. Sempre me gustou a reprodución, máis que facer mel, pole e máis outros produtos derivados da colmea. Aprendín diferentes técnicas e manexos, e agora todos os anos competimos, a miña muller e máis eu, a ver quen gaña facendo máis raíñas [risas]. Na actualidade temos tres problemas grandes na apicultura: a meteoroloxía, polos efectos do cambio climático; a varroa e a velutina. Por iso é imprescindible ter un bo manexo apícola, tanto para autoconsumo como a nivel profesional, para poder rendibilizar a túa explotación. Para min, o máis importante dunha colmea é ter unha boa raíña.
—Que se valora nunha raíña?
—A produción, un comportamento hixiénico (algo que é moi importante), a resistencia ás enfermidades, a pouca tendencia a enxamear e a mansedume (se non son mansas é moi incómodo traballar a diario con elas). Ter unhas raíñas novas e de gran calidade é a clave para practicar unha apicultura máis produtiva e rendible.